Thursday 16 de May de 2024

O presidente da Xunta visitou hoxe ‘Expomilán 2015’, coincidindo coa celebración do Día de Honra de Galicia no pavillón de España


“O noso valor engadido son as persoas, é a xente, é ese afán que compartimos os galegos de estar no mundo e de que o mundo estea entre nós”, asegura

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o potencial turístico de Galicia e sinalou que o valor engadido deste sector na Comunidade é que se entende “como unha empresa colectiva na que nada é alleo”. “O noso valor engadido son as persoas, é a xente, é ese afán que compartimos os galegos de estar no mundo e de que o mundo estea entre nós”, apostilou.

O mandatario galego visitou hoxe ‘Expomilán 2015’, coincidindo coa celebración do Día de Honra de Galicia no pavillón de España, e alí subliñou que a través da súa natureza, a gastronomía ou a monumentalidade, Galicia “ofrece un plus” ao visitante que “fai que calquera persoa se sinta confortable o seu territorio”.

Respecto á participación de Galicia na Expo Universal, Feijóo valorou que “é unha oportunidade que non queremos desaproveitar” aínda que tamén sinalou que “non é fácil sintetizar nunha semana a riqueza da Galicia que todos nos atopamos cando chegamos a ela”. “Estas citas permiten coñecer en profundidade a realidade de países e rexións por riba de tópicos e estereotipos”, -dixo-, “e os europeos sabemos que a superación deses lugares comúns foi capital no noso proceso de unidade”.

Turismo e viaxeiros
Na súa intervención o presidente da Xunta fitou cara os últimos datos turísticos que acreditan que no que vai de 2015 xa visitaron Galicia máis de 115.000 viaxeiros italianos. Ademais salientou que 20.000 persoas de nacionalidade italiana percorreron o Camiño no ano 2014.

En termos globais de visitantes, Feijóo indicou que máis de 4 millóns de viaxeiros chegaron a Galicia no que vai de 2015 dos cales 2,4 millóns pernoitaron na Comunidade, o que representa un 15% máis que en 2014.

Grazas a estes resultados, dixo Feijóo, “Galicia é o destino que está a crecer máis no ano 2015 no conxunto de España”.

Galicia, paraíso natural
O presidente de Galicia enumerou os atractivos que agocha Galicia entre os que destacou a cultura, a lingua, a natureza ou a industria. Para Feijóo, Galicia “é un lugar onde todas as facetas da cultura están en ebulición”. Un lugar onde, dixo, “a lingua que falamos 3 millóns de cidadáns permítenos conectar con 250 millóns que son os cidadáns que estamos na contorna da lusofonía”. “Unha riqueza lingüística da que estamos orgullosos”, continuou.

No seu relatorio, o presidente destacou ademais a riqueza natural de Galicia. Deste xeito apuntou cara as máis de 400.000 hectáreas protexidas pola lexislación da Unión Europea, que representan o 12% do noso territorio. Respecto a auga, valorou os 1.700 quilómetros de costa que converten a Galicia na comunidade con máis quilómetros de costa de España, as 16 rías ou a confluencia de ríos e augas termais, recordando que Galicia é o segundo lugar de maior riqueza termal de Europa. Na gastronomía, resaltou os máis de 20 produtos con distintivo de calidade, e no turismo urbano, as sete cidades que xa están unidas por tren de alta velocidade e que poñen á disposición unha completa oferta de viaxe.

Redeiras, Nudeiras e Colareiras
Un dos grandes atractivos do programa galego será un espazo dedicado á Artesanía de Galicia no que se mostrará Galicia a través de tres historias unidas polo mar como medio de vida e de traballo das mesmas. Este espazo dará visibilidade a tres colectivos de mulleres que veñen desempeñando traballos artesanais ao longo do tempo: as “Redeiras”, as “Nudeiras” e as “Colareiras”.